Os problemas de saúde un a un:
Anorexia e bulimia nerviosas

Hai unha única causa?
As causas en ambos os trastornos son múltiples e case tan variadas como o son os enfermos.
Con todo, sábese que o 80% dos casos comeza cando se inicia unha dieta de adelgazamento sen control profesional. Tamén se relaciona o seu inicio coa non aceptación dos cambios corporais durante a adolescencia, incremento rápido de peso (por exemplo, ao deixar unha actividade deportiva), cambios importantes na vida, complexos referentes ao físico, problemas de relación, enfermidade ou morte dun ser querido, conflitos coa parella ou os pais...
Existen factores que poden volver á persoa máis vulnerable: baixa autoestima; vivir pendentes do que se espera dun mesmo ou de dar satisfacción aos demais; tendencia ao perfeccionismo, a esixirse non fallar; medo a madurar, a crecer e a manexar a propia independencia; ter pensamentos extremos "bo-malo, todo-nada, obeso-delgado"...
Respecto de factores relacionados coa alimentación, é necesario evitar a realización de continuas dietas para adelgazar aparentemente inofensivas e sen control profesional, dedicar moito tempo a falar sobre a gordura ou a delgadez, a anarquía en horarios e comidas (a quendas, con présas, desordenadas), os conflitos emocionais ao redor da alimentación. Estes factores non determinan que se vaia a desencadear un TCA, pero si que se relacionan cun maior risco.
