Os problemas de saúde un a un:
Alerxia ao ovo

Introdución
As alerxias aparecen con maior frecuencia na infancia. A alerxia é unha reacción ou resposta inapropiada do organismo ante unha sustancia concreta (alérgeno). Na alerxia ao ovo, o alérgeno entra en contacto co organismo da persoa afectada ao inxerir a proteína do alimento. A albúmina do ovo é a proteína que ten maior capacidade alergénica e atópase na clara. Na industria alimentaria é usada como aditivo estabilizador, espesante e para dar máis textura, entre outras funcións.

O noso organismo crea anticorpos que nos defenden de infeccións bacterianas, víricas, etc. En persoas con alerxia alimentaria non está clara a causa determinada. Nunha porcentaxe elevada dos casos, débese a que o organismo produce un anticorpo, o Ige (inmunoglobulina E) dirixido contra o produto que actúa como alérgeno. A unión entre o alérgeno e o Ige desencadea a reacción alérxica con repercusións clínicas moi variables dunhas persoas a outras: síntomas cutáneos, gastrointestinais, respiratorios (asma) ou mesmo neurolóxicos (desordes do soño). Se a reacción alérxica afecto a varios órganos pode provocar un cadro de shock anafiláctico, que é un cadro grave que precisa atención médica urxente, xa que se non pode comprometer a saúde da persoa.
O ovo revélase como o alimento máis alergénico en nenos de 1 a 2 anos. O prognóstico é bo, xa que os nenos acaban tolerando este alimento, case sempre, cando superan os 2 ou 3 anos.
