Ir o contido principal
01

Os problemas de saúde un a un:

Osteoporose

Osteoporosis :: Introdución

Introdución

A osteoporose caracterízase por unha redución da masa ósea responsable dun aumento da fraxilidade dos ósos e, en consecuencia, de fracturas espontáneas.

A maior incidencia desta patoloxía dáse en mulleres tras a menopausa, na que se produce perda ósea, sobre todo trabecular (do interior do óso). Entre os 40 e os 50 anos, o ciclo sexual feminino faise irregular ata que cesa completamente. Este período caracterízase pola carencia de estrógenos (hormonas sexuais femininas), o que supón uns cambios fisiolóxicos importantes, entre eles a perda de masa ósea e a aparición de osteoporose, que nas mulleres adoita empezar inmediatamente despois da menopausa e que aumenta o risco de fracturas sobre todo de vértebras e de pescozo de fémur. Neste sentido, o sexo feminino é un factor de risco no desenvolvemento desta patoloxía. Aínda que tamén pode afectar aos dous sexos a unha idade máis avanzada. producíndose perda ósea tanto cortical (da parte externa) como trabecular, o que pode provocar fracturas de fémur, tan comúns nestas persoas.

O óso non é algo inerte que só sirva de sostén para o resto das estruturas do organismo. Desde o nacemento, os ósos teñen un metabolismo moi activo que non termina co crecemento. Unha vez finalizado o seu desenvolvemento, o óso está en continua renovación e remodelación.

O crecemento máis rápido da masa ósea prodúcese desde o inicio da puberdade até o final da adolescencia. A metade do capital óseo adquírese durante este período. A continuación, vén a fase de consolidación que dura aproximadamente até os 30 anos. É sobre todo nesta época cando a prevención, por medio dunha alimentación axeitada adquire maior relevo. Un achegue correcto de calcio é decisivo para obter unha boa masa ósea. Por tanto, o capital óseo constituído na adolescencia pode ser un bo factor de prevención da osteoporose.

A partir dos 30 anos aproximadamente, o corpo humano comeza a perder masa ósea a un ritmo de ao redor do 5% cada 10 anos, un volume de perda que afecta de maneira idéntica a ambos os sexos. Con todo, nas mulleres a partir da menopausa, a destrución ósea chega a ser mesmo do 2% durante cada un dos 5 ou 10 anos seguintes. É dicir, a perda de masa ósea prodúcese a un ritmo catro veces máis rápido que antes da retirada da menstruación.